Tralas medidas para o sector cultural anunciadas este martes polo Goberno de España, e aínda que polo momento non é posible aprazar ou cancelar eventos amparados por un marco legal, dende a Asociación de Festivais de Galicia queremos comunicarvos que continuamos traballando día a día tendo en conta todas as posibilidades e escenarios que se poidan dar nun futuro próximo.

A Asociación naceu como un proxecto colaborativo para promover e poñer en valor o sector musical e dos festivais galegos, e esa seguirá sendo unha das nosas máximas: a colaboración. Só xuntos seremos quen de paliar as consecuencias da COVID-19 no panorama dos nosos eventos musicais e de trazar un plan de acción para garantir a seguridade de equipos de traballo, artistas e asistentes.

Por este motivo, e sumándonos á petición de que “ninguén quede atrás”, queremos lembrarlle ao Ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, o noso reclamo urxente de poder aplicar o estado de forza maior nos eventos e a necesidade de adaptar as normativas de consumo, dos ERTE e dos Fondos de Financiamento do Estado pola COVID-19 á realidade da industria musical.

En Festivais de Galicia confiamos na unión das forzas das institucións e todos os axentes implicados nos eventos co obxectivo de trazar pautas, salvar e fortalecer o sector da produción de festivais de música en Galicia. Só deste xeito, seremos capaces de volver vivir convosco experiencias inesquecibles.

Volveremos atoparnos. Volveremos compartir.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X