As crises obrígannos a replantexarnos que consideramos importante e cales son as nosas prioridades, revisar se estabamos a vivir a nosa vida de acordo a como queremos vivila. Fórzannos a poñer en perspectiva as cousas que nos ocupaban e preocupaban, e a confrontar o individual e particular co colectivo e global. Aínda que son dolorosas e poden ser traumáticas, compartimos a idea de que poden conter un reverso beneficioso e poñer en marcha cambio e transformación.

A irrupción do Covid-19 supuxo un terremoto como nunca viviramos a todos os niveis: social, económico, individual, colectivo. No ámbito cultural a súa repercusión aínda é descoñecida, e asistimos cada día ao zumbido dun enxame de mentes que se esforza por analizar, predicir, buscar respostas creativas e tentar tomar o volante do que está por vir.

Para un proxecto como WOS Festival, feito desde o mimo, o sacrificio e coa responsabilidade como luz de faro, as certezas emerxen do persoal. Sabiamos que a forza de WOS reside en rexerse por uns valores que van máis aló dos intereses comerciais. Para nós, o achegamento físico, a comuñón entre artistas e asistentes, e a integración de todas estas persoas no tecido urbano, é un dos alicerces fundamentais do evento. A experiencia inclúe pasear polas rúas, sentir fisicamente Santiago de Compostela, degustar a súa gastronomía, deixarse levar, e mergullarse en propostas que a miúdo nos convidan á reflexión ou a un goce responsable; unha maneira de vivir o lecer na que o suxeito recupera a súa condición de suxeito. Baixo esas premisas, garantir o benestar de artistas, asistentes e traballadores do que ía ser a sétima edición de WOS entre o 9 e o 13 do próximo setembro, parece inviable a día de hoxe, e ofrecer unha versión rebaixada desa experiencia sería vender un subproducto diluído, desvirtuado, moi por baixo desa proposta sincera e entregada que é o principal activo que WOS ten que achegar.

A sétima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia, programada para setembro de 2020 non terá lugar este ano. No contexto actual non consideramos adecuado contratar nin anunciar artistas, senón que cremos que debemos centrar o foco do proxecto no seu papel como foro para o discurso e o pensamento, e poñer sobre a mesa a pregunta de como o que estamos a vivir cambiou e vai cambiar as nosas vidas. Proximamente anunciaremos a data da única área de programa que se celebrará este ano, a área de pensamento e discurso, que ademais de presencial como cada ano tamén poderá seguirse online.

En WORK ON SUNDAY sempre cremos nas persoas e as empresas como eixos transformadores da sociedade. Agora máis que nunca sentimos a necesidade de comprometernos activamente coa nosa responsabilidade para mellorar o noso medio ambiente e calidade de vida, así como o das xeracións futuras, impulsando un cambio positivo a través do pensamento e a acción sostible. É por iso, que nos gustaría convidarvos a apoiar coa cantidade que consideredes algunha das iniciativas dedicadas a protexer o medioambiente e a biodiversidade, unha a nivel global e outra a nivel local, coas que colaboramos: Plant for the Planet e 100×100 Natural da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Coidádevos moito e sede responsables. Vémonos en setembro!

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X