O festival vilaxoanés celebrarase os próximos 10, 11, 12 e 13 de setembro nun formato reducido que combinará os concertos de pago de Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría en acústico con actividades de balde vencelladas ao territorio e á cultura popular da zona.

O Revenidas en conserva, o formato especial do festival vilaxoanés para esta edición, anuncia hoxe as súas actividades paralelas, que serán de balde, con inscrición previa necesaria e con aforo reducido. Neste mes de setembro, os escenarios Concello de Vilagarcía e Rías Baixas Fests acollerán os concertos de De Vacas + Cuernicornios (o xoves 10 a partir das 21h00) e Quico Cadaval + Monoulious DOP (o sábado 12 a partir das 13h00). O domingo 13 pola mañá terá lugar a habitual Gala de Circo Revenidas e, xa pola tarde, unha colaboración moi especial que se inicia nesta edición: a Gala Revenidas – Festivala, que o festival organiza xunto ao Soño de Lilith. Esta colaboración entre Festivala e as Revenidas nace para reivindicar ás nais, ás avoas, ás mulleres que, en definitiva, foron e son conscientes de que o porvir se sustenta no coidado do próximo, e tamén para reclamar o seu saneamento, a protección do noso, a relación sustentable co medio, e a comunidade como fórmulas para construír futuro. Formarán parte desta Gala Revenidas – Festivala Lupe Blanco, Alba María, Suricar, Rebeca Santos e Aldaolado.

Agás o concerto de De Vacas, que terá un aforo de 500 persoas, a organización porá 250 localidades dispoñibles para o público en cada unha das demais actividades. Quen estea interesado ou interesada en asistir xa pode reservar a súa praza de balde en www.revenidas.com. O Revenidas, deste xeito, conserva a súa esencia -sempre poñendo o foco nos artistas do país- para celebrar un evento reducido, tomando as medidas de seguridade necesarias e a prol dunha #culturasegura. 

Ademais, estas actividades de programación paralela aos concertos de pago complementarase con outras iniciativas relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona, showcookings con produtos galegos e concertos de bandas locais.  

Entradas para os concertos de pago

Alén disto, o Revenidas en conserva xa presentou nas pasadas semanas o cartel dos seus concertos de pago, que estará formado pola incombustible Sés e o folk e blues/rock de Zeltia Irevire o venres 11, para dar paso á cumbia adictiva de Ortiga e ás letras comprometidas de Dakidarría en acústico o sábado 12. As entradas para estes concertos xa están á venda en www.revenidas.com a un prezo de 15 € o abono e 10 € a entrada de día.

Esta edición do festival pode levarse a cabo grazas a público, artistas e persoal traballador, pero tamén grazas ao apoio de varias institucións (Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas a través da súa marca Rías Baixas Fest, a Xunta de Galicia, Xacobeo 21 e Agadic a través da súa marca Fest Galicia,) e patrocinadores privados (Deleite, Mahou, Gadis, Martin Códax, Thunderbich, Torre de Núñez). 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X