O domingo pasado celebrouse en Redondela o seu tradicional Entroido de Verán, unha cita festiva e singular que congrega a unhas 30.000 persoas na vila dos viadutos.
Ante un evento tan multitudianario, o Concello redondelán lanzou a iniciativa “Redondela 0,0”, coa que se pretendía fomentar a seguridade das mulleres asistentes, o consumo responsable de alcol, así como erradicar o vandalismo e o consumo de drogas durante o evento.
Festivais de Galicia non pode menos que felicitar ao alcalde e á súa corporación polos espectaculares resultados da medida, que debera ser tomada coma exemplo polos demais concellos do país.
Entre os obxectivos de Festivais de Galicia está promover a seguridade dos espectáculos públicos, e este ano foron lanzadas iniciativas dentro dos nosos festivais contra as agresións sexistas, da man da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, entre outras medidas e iniciativas relacionadas coa seguridade e a sostenibilidade dos festivais.
Dende Festivais de Galicia consideramos que existen moitas formas de diversión sen que sexa necesario por en risco ás persoas, nin á convivencia nos nosos recintos e co noso entorno, polo que damos a benvida a iniciativas como a promovida polo Concello de Redondela, ao que ofrecemos a nosa colaboración para afondar nestas e noutras medidas que melloren a convivencia e o respeto entre todas as persoas.