Ao sector musical destinaranse de xeito específico preto de 300.000 euros orientados á distribución musical e a axudas á produción fonográfica. Sumado a isto, reformúlase o Xacobeo 21 para convertelo nun dos principais motores de reactivación e desenvolvemento para o sector.

Entre as medidas adoptadas atópanse o traslado dos festivais de música incorporados á marca Fest Galicia e as programacións incorporadas á Rede Galega de Música ao Vivo ao ámbito online.

A Asociación Festivais de Galicia asistiu á presentación do Plan de Reactivación do sector cultural galego tralas consecuencias da crise da COVID-19 nun webinar liderado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no que estivo acompañado polo seu equipo e membros do Igape.

No encontro, que contou coa participación de máis de 600 profesionais do sector, o conselleiro de Cultura debullou esta proposta para a reactivación da nosa industria cultural articulada sobre 22 medidas e 49 accións concretas. Todas as medidas están recollidas nun plan no que a Xunta presenta catro claros obxectivos: a activación da industria cultural galega, o mantemento do emprego, o fomento do consumo cultural e a formación, profesionalización e mellora de competitividade. Para isto destinaranse de forma específica á cultura máis de 10,2 millóns de euros, aos que se suman tamén varias das medidas transversais ideadas dentro do programa do Xacobeo 21.

Festivais de Galicia valora “dun xeito positivo o esforzo levado a cabo pola Xunta de Galicia nuns momentos tan complicados coma os que se están a vivir” e celebra que “se asente, coa colaboración de todos os axentes implicados, a primeira pedra para reconstruír a industria cultural galega contando co Xacobeo 21 como un dos eixos principais”.

O plan, tal e como afirmou Román Rodríguez, “prevé que a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo co obxectivo de impulsar a industria cultural e turística e os creadores galegos e mellorar o noso posicionamento”. Deste xeito, reconfigúranse os obxectivos do próximo Ano Santo para darlle prioridade ás iniciativas de impulso económico e de activación do consumo e do emprego e levar a cabo “o Xacobeo máis galego da nosa historia”.

Medidas para o sector musical

Esta nova folla de ruta formulada pola Xunta é froito do diálogo cos sectores implicados durante as últimas semanas, incluíndo acordos con entidades sectoriais para o impulso conxunto de diferentes iniciativas. As máis de 65 xuntanzas mantidas tradúcense agora nunha incorporación do 71% das 170 propostas recibidas para a configuración deste Plan de reactivación.

No tocante ao sector musical, as medidas específicas consistirán na adaptación das bases da liña de axudas á distribución musical co obxectivo de inxectar inxección de liquidez ás empresas de música a través do reembolso dos custos de distribución, e na tamén adaptación das bases da liña axudas á produción fonográfica, que apoian a gravación e promoción de fonogramas (discos, single, videoclips, etc.) de músicos galegos.

No que respecta ás accións transversais no marco do Xacobeo 2021 contémplanse varias medidas como liñas de axudas para todos os sectores e ámbitos culturais, programas de apoio específico, ciclos musicais en liña. Así pois, unha das principais iniciativas será un fondo para proxectos culturais dotado con 1,5M€ e na que as empresas e autónomos poderán recibir ata 4.000 e 10.000 euros, respectivamente. Do mesmo xeito, trasladaranse ao ámbito online os ciclos musicais celebrados ao abeiro do Xacobeo 2021 e incorporados á Rede Galega de Música ao Vivo, así como os festivais de música incorporados á marca Fest Galicia, e potenciarase o programa Cultura no Camiño, achegando unha programación de artes escénicas e actividades de lecer aos concellos do rural. Entre as medidas adoptadas, atópanse:

Ciclos musicais Xacobeo 2021 nas salas de concerto de Galicia: No marco da crise do coronavirus, trasladarase o ciclo ao ámbito en liña como parte da nova programación dos concertos de pagamento previstos.

Fest Galicia online Xacobeo 2021: Fest Galicia está a consolidar a nosa comunidade como un destino de referencia na industria musical e o turismo de festival. As restricións de aforo que se prevén nestes meses impedirán o seu normal desenvolvemento. No seu lugar, co fin de preservar o tecido empresarial e ofrecer unha oferta de ocio á cidadanía, establecerase un sistema coordinado de festivais en liña.

Programa de impulso ao sector musical Xacobeo 2021: A industria musical debe seguir traballando malia que a situación actual impida o normal desenvolvemento dos seus proxectos nas condicións previstas inicialmente. Esta convocatoria plurianual de proxectos prevé precisamente o seu financiamento, de maneira que comecen o seu desenvolvemento este ano e estean listos para a súa posta en marcha durante o 2021.

Programa Galicia Emerxe x 21: Programación de concertos protagonizados por músicos galegos, na que se combina a participación presencial de público (na medida na que as restricións sanitarias 46 progresivamente o permitan) coa súa emisión en liña ou televisada.

Convocatoria de contidos musicais Xacobeo 2021: Convocatoria, enmarcada na programación do Xacobeo 2021, para a gravación de contidos de músicos galegos que seran difundidos a través da CRTVG, así como en liña e a traves de outras canles.

Fondo para proxectos de todos os sectores e ámbitos culturais. Apoio de ata 4.000€ ás persoas físicas e 10.000€ ás xurídicas.

Ademais destas medidas sectoriais, cabe destacar a creación dun fondo de apoio a proxectos e iniciativas que lle dean prioridade ao mantemento da actividade dos sectores creativos de Galicia e do emprego cultural. Tamén se porá en marcha un servizo de asesoramento e consultoría en liña para empresas e profesionais culturais e un ambicioso plan de formación no eido cultural no que se contemplan bolsas de formación en materia cultural, un plan de transformación dixital e a posta en marcha de formación para xestores culturais e para profesionais das institucións da cultura.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X