Imaxinamos que a esta altura da crise da COVID19 non colle de sorpresa a ninguén, pero desde Sinsalaudio, promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia en San Simón (Redondela) temos que comunicarvos que en 2020 non nos veremos na illa. A organización do festival, co apoio dos seus patrocinadores privados e institucionais, decidiu que nas datas previstas para a que sería a décimo primeira edición do festival no arquipélago formado polas Illas de San Simón e San Antón, do 24 ao 26 de xullo, resulta imposible garantir a seguridade sanitaria de público, do equipo de traballo e dos artistas. Nesas mesmas datas, e tal como xa estaba na previsión de Sinsalaudio, desenvolverase o proxecto Sinsal Litoral, do que vos anunciaremos emprazamentos e actividades nas vindeiras semanas, pendentes da evolución da pandemia e das directrices sanitarias.

As razóns sanitarias son suficientes para non celebrar un evento como o de San Simón que si por algo se caracteriza, é pola sostibilidade, comodidade, seguridade e escala humana. Obviamente na decisión de non realizar a edición 2020 tamén pesan criterios e  motivos que o noso público debe coñecer e que, en boa parte, son coincidentes cos que afectan a outros festivais compañeiros. Se ben a necesaria (e marabillosa) viaxe nos barcos desde Vigo e Meirande ao Sinsal SON Estrella Galicia dificulta de partida a celebración do mesmo, téñense en conta circunstancias como a obrigada redución de aforo dun festival xa de formato pequeno, a cancelación das xiras de artistas internacionais e unha previsible situación socio-económica do noso público, galego e de fóra, que trastoca as prioridades vitais.  

O cartel secreto 2020 estaba practicamente pechado e o material de comunicación listo para saír cando se decretou o confinamento. Minyo Crusaders (Xapón), Suzzane Vega (EUA), Arlo Parks (UK), Baiuca Live (Galicia), Moon Duo (EUA), Rodrigo Cuevas (Asturias), Marina Satti (Grecia-Sudán), Biig Piig (UK), Mula (República Dominicana),  Yin Yin (Países Baixos),  Dakhabrakha (Ucraína) e varias bandas galegas pendentes de confirmación, na nosa proposta 2020 para San Simón. Moita ilusión por seguir avanzando nun proxecto recoñecido, respectuoso e sostible, que se vai facendo maior con vós. Un esforzo conxunto de anos cos patrocinadores, co público, cos proveedores e co noso equipo de traballo habitual; estamos convencidos de que é o mellor para todos.  

Correspondendo a esa memoria que define á Illa de San Simón, queremos lembrar ás traballadoras e traballadores esenciais para a nosa supervivencia e ás vítimas desta crise, as que se foron, as que enfermaron e, tamén, aquelas que padecen as consecuencias económicas. Moitas delas, no sector cultural, que non só precisa do apoio e impulso da Administración e do sector privado senón dunha reflexión fonda sobre cal é o sentido e o futuro da nosa acción. Coa Axenda 2030 como guía de traballo, a nosa ollada na contorna e o noso esforzo en contribuir na reconstrución. Queremos remar na boa dirección, este ano polo Litoral, e queremos que esteades con nós, responsables, saudables e fortes. Moitas grazas por acompañarnos e comprendernos. Vémonos no Litoral.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X