Celébrase en Vilaxoán os próximos 9, 10, 11 e 12 de setembro
O Festival Revenidas volve os próximos 9, 10, 11 e 12 de setembro a Vilaxoán. Concertos de pago e de balde, espallaranse por distintos emprazamentos da vila, do mesmo xeito que as distintas actividades paralelas habituais. Este ano, a organización aposta por un cartaz na que a presenza galega é, como sempre, prioritaria, mais tamén por grupos de fóra que enriquecen a programación coa súa potencia e reforzan o seu atractivo.
O día 9, o Revenidas arranca cos concertos de Verto, Tanxugueiras e Los Rastreadores (Ortiga & GrandeAmore). Verto é unha das últimas revolucións musicais en Galicia. Composto por Alberto Mira “Berto” e Fernando Peleteiro “Fer”, este grupo nado en 2019 viu para quedar e, como eles mesmo din, “resetear a música galega”. Ese mesmo día, Tanxugueiras sube tamén ao escenario de Revenidas con toda a sonoridade da música tradicional traída á modernidade que as converte nun dos grupos de maior relevancia do panorama musical galego actual. O primeiro día péchao Los Rastreadores, Ortiga & GrandeAmore, unha das fusións musicais sorpresa deste último ano en Galicia.
Para o día 10, ao organización programa os concertos de pago de Los Chikos del Maíz, Ciudad Jara e Laura Lamontage e Pico Amperio.O grupo de rap político formado polos MC’s Nega e Toni el Sucio, xunto co DJ Plan B, desembarca no Revenidas con toda a forza das súas letras ácedas e contundentes. Tamén o fai Ciudad Jara, o novo proxecto musical de Pablo Sánchez, vocalista de La Raíz,
A Rabela, Talco Maskerade e Boyanka Kostova serán os concertos de pago do sábado día 11. Xornada que terá como concerto de balde a Guadi Galego e a Banda da Loba na Sesión Vermú. A Rabela, formado pola rapeira e regueifeira pontevedresa Aurora Redondo, virá ao Revenidas co seu primeiro traballo discográfico recén estreado, “Que prenda faísca”. Os italianos Talco Maskerade, o alter-ego do popular grupo punk Talco, é un dos pratos fortes do Revenidas´21. Pecha os concertos do sábado Boyanka Kostova, o coñecido dúo de trap galego formado por Saibran Yiyi e Chicho.
Como diciamos, os concertos da Sesión Vermú (de balde) serán os de Guadi Galego e a Banda da Loba; Guadi, unha das artistas galegas máis relevantes dentro e fóra de Galicia, trae no peto o seu amplo repertorio e tamén o último traballo publicado, “Costuras”. A Banda da Loba, co seu son heteroxéneo e singular baseado na mestura do folk, pop ou blues, pecharán a sesión.
O derradeiro día de Revenidas, o domingo 12, pechan a programación Zoo, Mounqup e a banda Monoulious Dop. Da Sesión de Vermú encargarase Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A presenza de Zoo é un dos pratos fortes do Revenidas´2021. A forza dos valencianos radica na mestura dos ritmos electrónicos, o rap, o rock ou mesmo o ska, e nas súas letras de contido social e político. Tamén se subirá ao escenario o proxecto musical da compositora franco-galega Camille Hédouin, Mounqup, grupo que está entre o jazz, a canción de autor e a música electrónica. Pecha a noite do festival Monoulious Dop, un final festeiro, bailable e ateigado de retranca e bo humor.
Na Sesión Vermú do domingo actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre para trasladar a maxia que acostuman co seu espectáculo e facernos desfrutar da música dun dos mellores artistas galegos de todos os tempos.
As entradas, nos próximos días
As entradas sairán a venda nas próximas semanas. A organización está á espera que se defina o formato vinculado ás normas sanitarias definitivas. Informan ademais de que as persoas que teñan o bono a edición de 2020 e non o devolveran, poderán asistir á edición de 2021, previo cambio de entrada polas localidades deste ano. Neste sentido, a organización e a ticketera poñeranse en contacto con todas esas persoas para que teñan preferencia na compra das mesmas.
Esta edición do festival pode levarse a cabo grazas a público, artistas e persoal traballador, pero tamén grazas ao apoio de institucións como o Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas a través da súa marca Rías Baixas Fest, a Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22 e Agadic a través da súa marca Fest Galicia). Tamén grazas aos patrocinadores privados Deleite e Mahou Cinco Estrellas, na súa aposta por acercar ás persoas a través da música e reivindicalos encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor. Gadis, Sonem, Lodeiros e Thunderbich colaboran tamén co certame.