• A proposta de pequeno formato ideada pola organización do SonRías Baixas como alternativa para este verán marcado pola loita contra o Coronavirus colgou o cartel de “Sold Out” e celebrouse sen incidentes dende o xoves ata onte sábado en distintas localizacións de Bueu

  • O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición -que estaba prevista para esta semana- os días 5, 6 e 7 de agosto de 2021

Bueu, 2 de agosto de 2020.- O MicroSonRías Baixas pechou onte pola noite en Bueu tres días e dúas noites de experiencias musicais, naturais e gastronómicas colgando o cartel de Sold Out e demostrando que a cultura é segura, tamén, en época de pandemia. O público respondeu con entusiasmo e respecto polas normas á proposta de pequeno formato ideada pola organización do Festival SonRías Baixas para encher o oco creado na vida cultural da vila e mais no calendario de festivais de Galicia polo adiamento da 18ª edición do festival aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.

Os convites para as actividades do Destino SonRías, en lugares singulares da localidade, esgotáronse en poucos minutos a mesma mañá do seu lanzamento. Un público composto en grande medida por veciñas e veciños de Bueu, pero tamén por xente do resto de Galicia coñeceu de primeira man a natureza, o patrimonio e a gastronomía das Rías Baixas, explorando os muíños do Río Bispo, a parroquia de Santa María de Cela e a Illa de Ons, saboreando o Polbo das Rías, o Mexillón de Galicia, o Pan Galego e o viño Tinta Femia e escoitando os microconcertos de Mounqup, Rayden e Arco en recunchos inesperados.

Colgaron, tamén, o cartel de Sold Out, os concertos “desenchufados pero amplificados” programados pola organizacións as noites do venres e do sábado nun Recinto da Estacada adaptado ás circunstancias da “Nova Normalidade”. O público gozou cos concertos acústicos deseñados para a ocasión por Arco e Rayden, respectando en todo momento as indicacións da organización, que quere destacar o compromiso do sector cultural e do seu público cos protocolos impostos polas autoridades sanitarias.

A organización dispuxo 800 cadeiras no mesmo espazo que en edicións anteriores concregara simultaneamente entre 7000 e 8000 persoas, o que permitiu que o público puidera gozar da experiencia en pequenos grupos de ata 5 persoas mantendo en todo momento o uso da máscara e a distancia de seguridade entre os grupos. A colaboración do público, tanto nos accesos ao recinto como na súa evacuación foi exemplar. Tamén o foi o seu respecto polos fluxos deseñados pola organización para evitar as aglomeracións e os cruces entre as persoas, á hora de achegarse á barra ou aos baños. Dende Play Plan, a produtora responsable da organización do evento, destacan tanto a capacidade do sector para adaptarse ás novas circunstancias como o cariño e o entusiasmo do público, que non só ofreceu a súa confianza acudindo e respectando en todo momento as indicacións de seguridade, senón que o fixo de bo grao, bailou aínda estando sentado e que coreou as cancións dende os seus asentos.

O SonRías Baixas congregou o pasado mes de agosto en Bueu a 22.065 persoas, xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros. “Aínda que este verán non puidemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra”, lamentan dende a organización, “si que puidemos cumprir o noso obxectivo de ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta “micro”, pero moi coidada, que nos permitiu compartir con parte do noso público o noso amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila”. “Co MicroSonRías demostramos que co apoio das institucións patrocinadoras a cultura sigue sendo atractiva para o público e que, ademais, é segura”, conclúen, “e isto é o máis importante para nós”.

O MicroSonRías está organizado por PlayPlan e conta co patrocinio do Concello de Bueu, de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e de Fest Galicia e Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X