Estas novas bandas súmanse ás xa anunciadas Talco, Gatillazo, Los Caligaris, mala Élevé, Tribade, Valira, The Baboon Show, El Niño de la Hipoteca y los Ratones, Flow do Toxo, Desakato e Los Jinetes del Trópico.
O festival convertirá un ano máis o porto de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa en punto de encontro multicultural os días 9, 10 e 11 de agosto.
Os abonos, con acampada incluída, para asistir ao festival xa están dispoñibles en www.revenidas.com a un prezo de 37 € máis gastos de xestión.
O festival Revenidas, que celebrará a súa 16º edición do 9 ao 11 de agosto, anuncia a incorporación de cinco novas bandas para comezar a conformar o seu cartel final. Nesta ocasión o festival Vilaxoanés confirma a música xitana da vertente ucraniana dos Cárpatos de Gogol Bordello; o rock, punk e metal con crítica social de Nao; a Doctor Krápula, unha das bandas de rock máis importantes e influentes de Latinoamérica; a electrocumbia e música tradicional latina de Gambeat e o punk celta de Bastards on Parade. Así, estas cinco novas bandas súmanse aos italianos Talco; aos lendarios Gatillazo; aos arxentinos Los Caligaris; ao dancehall, punk e reggae de Mal Élevé; á música urbana deTribade; a Valira, o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz; ao cuarteto suecoThe Baboon Show, a El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, ao poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo, ao potentísimo punk e hard-core de Desakato e á cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico. O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 37 € máis gastos de xestión a través da páxina web www.revenidas.com. GOGOL BORDELLO | Gogol Bordello respira ao ritmo que marca a música xitana da vertente ucraniana dos Cárpatos, o dub, o ska e, chegado o caso, ata a rumba ou a tradicional tarantella italiana. Se o escoitas, convérteste en fan ipso facto, iso e o que lle ocorreu a unha das súas máis ilustres admiradoras, a mismísima Madonna, que caeu rendida aos pes deste cíngaro de gran mostacho. Ten actuado nos mellores festivais do mundo (Reeding, Glastonbury, Alive Lisboa…). Ademais, a prestixiosa revista Rolling Stone cualificou o de Gogol Bordello entre os 20 mellores directos do mundo. NAO | Con trece anos de traxectoria ás súas costas, NAO é unha banda de rock, punk e metal orixinaria de A Estrada (Pontevedra) que se caracteriza por ter cancións cheas de compromiso político e crítica social. Antes de que se retiren dos escenarios, o Revenidas será unha das últimas oportunidades para velos no directo da que denominan “A derradeira xira”. DOCTOR KRÁPULA | Doctor Krápula é unha das bandas de rock máis importantes e influentes de Latinoamérica, unha explosión de punk, cumbia, ska, hip hop e reggae combinada cunha postura social e ambiental nunha festa rebelde que desde o primeiro acorde acende o baile e leva á euforia aos seus seguidores e seguidoras. GAMBEAT | Gambeat é o lendario baixista de Radio Bemba sound system e de La Ventura, que toca desde hai anos xunto a Manu Chao. Tamén é artista múltiple, director artístico e produtor realizador, deseñador e creador da súa propia liña de roupa. O seu Sound System permítelle vivir doutro xeito o seu amor pola música, percorrendo as súas viaxes e encontros a través dun conxunto mixto entre imaxe, música, festa e xenerosidade. BASTARDS ON PARADE | Bastards on Parade é unha banda de punk celta formada en 2008 na Coruña. Aválanos máis de dez anos de carreira musical levando por todos os escenarios e festivais de Europa o seu particular estilo que mestura punk rock, Oi! e música tradicional galega. |
Bandas xa confirmadas con anterioridadeTHE BABOON SHOW | Na procura dun nome “feo e fácil de lembrar” e que supuxese unha crítica á clase política, bautízanse en 2003 como The Baboon Show. A súa música, un punk rock garaxeiro, directo e sen contemplacións, ten influencias de Blondie, Ramones, Buzzcocks e, por suposto, da onda de rock escandinavo xurdida a finais dos 90. Se hai unha banda que naceu para rachar con todo, esa é o cuarteto sueco The Baboon Show, que chegará ao Revenidas cargado de enerxía e disposto a conquistar Galicia. EL NIÑO DE LA HIPOTECA | El Niño de la Hipoteca (alter ego de Guiu Cortés) foi toda unha revolución no mundo da música e un dos pioneiros neste país, do formato artista multitareFa que se autoedita, autoproduce e autogestiona. É coñecido tanto polas súas ideas novas á hora de difundir a súa música como polas súas cancións. ‘O Neno’ atopou un son centrado no rock en todas as súas variantes, cunha banda fixa de grandes músicos e cancións cada vez máis directas, ideal para cantar e bailar. FLOW DO TOXO | Flow do Toxo son un grupo de mulleres que cantan para okupar escenarios e torreiros, espazos como tantos outros que lles foron arrebatados ás mulleres. Cantan para empoderarse e, aínda que non teñen estilo musical definido, posúen un discurso claramente feminista que nace no rural e bebe da tradición oral das súas anterdas, as súas bravas e referentes. DESAKATO | Desakato nace no ano 2003 en Asturias cun estilo musical que oscila entre rockpunk e fussion xunto a un toque musical asturiano. Ao longo de todos estes anos conseguiron facer coas súas cancións un con frenético e contundente, e coas súas letras, unha forma de expresar as súas ideas e sentimentos. “Outro grupo con K”, pensarán os que aínda non os escoitaron… pero este sexteto parece fuxir dos cánones do rock estatal máis obsoleto e, disco a disco, vai marcando o seu propio camiño e dotando a cada un deles dunha personalidade propia forxada a base de directos, o seu punto forte. LOS JINETES DEL TRÓPICO | Los Jinetes del Trópico nacen en 2015 coa firme intención de investigar os sonidos tropicais procedentes de latinoamérica e mesturalos coa nosa lingua e as nosas costumes. Nestes catro anos e medio teñen no mercado catro Eps e catro Singles, que misturan a cumbia, o reggaeton e as músicas tropicais con ventos e electrónica. TALCO | Empezaron hai 14 anos en pequenas salas de Marghera e cun disco chamado “Tutti Assolti”. Agora presentan o seu novo traballo “And the Winner Isn’t”, 13 cancións do clásico Punkchanka da banda, pero cun matiz moito máis punk rock de corte californiano. Xamais un disco de Talco soara así de potente e que se achega máis que nunca ao espírito en directo da banda. GATILLAZO | O lendarios Gatillazo pisarán este agosto o Revenidas para cantar contra a careta da ‘paz social’, contra o falso e artificial mito da ‘eterna mocidade’ ou contra os tertulianos. Trinta anos despois dos seus inicios Gatillazo preséntanos co seu novo traballo un novo exercicio de punk rock rugoso e sen engurras; 14 novas cancións cheas de ironía e rabia co inconfundible selo de Evaristo Páramos, mítico cantante que non para e que aí segue, sen despeitearse. Sen engurrarse e á espreita, pola súa voz e as súas letras coñecerédelo: aí é nada! LOS CALIGARIS | Los Caligaris son unha banda arxentina formada en 1997 que fusiona diversos xéneros musicais que van desde o rock ata o cuarteto cordobés, sumando á súa proposta aires circenses e ofrecendo un innovador estilo de cancións para ver. O nome do grupo inspírase na lenda do pallaso “Caligari”, quen mentres desenvolvía a súa rutina, morreu en escena disimulando a súa agonía como parte do seu acto. En homenaxe a aquel gran pallaso, nacen Los Caligaris, aupando a bandeira de divertir ata o final. MAL ÉLEVÉ | Tras liderar a mítica banda alemá Irie Révoltés, coa que percorreu 24 países, Pablo Charlemoine pechou unha etapa en 2017 cun exitoso circuíto de despedida que compartiu con máis de 60.000 espectadores e espectadoras. En 2018 o artista alemán de ascendencia republicana volve á carga en solitario con MAL ÉLEVÉ e á fronte dunha potente banda en directo. MAL ÉLEVÉ é moito máis que un “mal educado” que combina os seus riddims de dancehall, punk, reggae ou hip hop: fiel á súa filosfía, e á súa historia, MAL ÉLEVÉ é un loitador musical pola solidariedade e por un mundo libre de desigualdade. TRIBADE | Tras poñer a escena underground do revés e prenderlle lume ás redes co seu hit “Gaupasa”, Tribade anuncian novo disco en febreiro de 2019 e xira de presentación a partir de marzo. A formación barcelonesa de rap e música urbana está chamada a ser unha das sensacións da nova tempada. VALIRA | Valira é o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz. Tras o parón da banda, o artista lánzase este 2019 cun bo puñado de cancións propias que darán forma ao primeiro disco do grupo. Valira defenderá en directo o seu repertorio por salas e festivais, con Zanza como frontman centrado na voz, sen esquecer a guitarra e liderando unha potente banda de rock. |