O festival artella para esta ocasión unha travesía marítima a bordo dunha embarcación tradicional que terá lugar o próximo martes 25, e un roteiro pola vila guiado por Xurxo Souto que se celebrará o domingo 30 de agosto.

O Revenidas, que celebrará a súa edición en conserva do 10 ao 13 de setembro, continúa como cada ano a poñer en valor o territorio no que se celebra, a tradición e a cultura mariñeira da zona. Por iso, a organización recupera da man de Turismo Rías Baixas as súas actividades de “Redescubre Vilaxoán”, entre as que se atopan nesta ocasión unha travesía marítima a bordo dunha embarcación tradicional e un roteiro sonoro pola vila guiado polo músico Xurxo Souto.

A travesía marítima, que terá lugar o próximo martes 25, fará un percorrido pola zona mentres os asistentes coñecen distintos aspectos da vida mariñeira nas Rías Baixas, as artes e o oficio da pesca ou o funcionamento das bateas. Ademais, esta experiencia completarase cunha degustación de produtos das Rías, mexillóns, conservas variadas e viños Martín Códax. A entrada terá un prezo de 15 euros e a reserva poderá facerse a  partir de mañá, domingo 23, través das redes sociais do festival.

Alén disto, o roteiro terrestre, terá lugar o 30 de agosto e estará guiado e musicado por Xurxo Souto, vello amigo do festival. As lendas e cancións de Vilaxoán serán as protagonistas desta actividade, na que se visitarán lugares emblemáticos da zona coma o Pazo de Pardiñas, o Pazo de Sobrán, o lavadeiro, a fonte da Praza de Rafael Pazos ou o antigo Concello. Ao remate, todas as persoas asistentes poderán degustar viños cortesía de Martín Códax. A actividade será nesta ocasión de balde, previa inscrición a través das redes sociais do Revenidas.

“Redescubre Revenidas” é unha actividade organizada polo Festival Revenidas que conta co apoio de institucións como a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e o Concello de Vilagarcía.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X