O Revenidas volverá os próximos 10, 11, 12 e 13 de setembro a Vilaxoán. Nesta edición o festival combinará concertos de pago con actividades e concertos de balde en distintos lugares da vila. Será dun xeito controlado, con aforos reducidos e coas medidas hixiénico sanitarias pertinentes porque a organización do Revenidas cre e traballa a prol dunha cultura segura. Así o declararon esta mañá na presentación do evento Jacobo Sutil, director da AGADIC; Ana Laura Iglesias, deputada de turismo e xuventude da Deputación de Pontevedra; Sonia Outón, concelleira de cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa; Alberto Varela, alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa; e Xoán Quintáns, director do Revenidas.

O festival non contará este ano con zona de acampada nin coa súa tradicional sardiñada pero reconvértese nunha edición especial “en conserva” para traerlle propostas ricas e variadas ao seu público. Ademais, o festival diversifica a súa programación en 4 escenarios: o Escenario Deleite e o Escenario Concello de Vilagarcía (que estarán situados nesta Praza Rafael Pazos), o Escenario Rías Baixas Fest (que estará no Parque de Dona Concha) e o Escenario Fest Galicia (no Porto de Vilaxoán). O “Festival das Linguas” será esta vez máis que nunca o festival da nosa lingua, a lingua galega, ateigado de artistas do país. 

Os concertos de pago, no escenario Fest Galicia, estarán protagonizados pola incombustible Sés e o folk e blues/folk de Zeltia Irevire o venres 11, que darán paso á cumbia adictiva de Ortiga e ás letras comprometidas de Dakidarría en acústico o sábado 12. Estes concertos serán para 500 asistentes e xa teñen as súas entradas a venda na páxina web do festival (prezo de 15 euros o bono de dous días e 10 euros a entrada dun só día).

Actividades paralelas e talento local

Ademais, o Revenidas en conserva, ten preparadas para esta edición varias actividades paralelas, que serán de balde, con inscrición previa necesaria e con aforo reducido. Neste mes de setembro, os escenarios Concello de Vilagarcía e Rías Baixas Fest acollerán os concertos de De Vacas + Cuernicornios (o xoves 10 a partir das 21h00) e Quico Cadaval + Monoulious DOP (o sábado 12 a partir das 13h00). O domingo 13 pola mañá terá lugar a habitual Gala de Circo Revenidas e, xa pola tarde, unha colaboración moi especial que se inicia nesta edición: a Gala Revenidas – Festivala, que o festival organiza en colaboración co Soño de Lilith. Esta colaboración entre Festivala e as Revenidas nace para reivindicar ás nais, ás avoas, ás mulleres que, en definitiva, foron e son conscientes de que o porvir se sustenta no coidado do próximo, e tamén para reclamar o seu saneamento, a protección do noso, a relación sustentable co medio, e a comunidade como fórmulas para construír futuro. Formarán parte desta Gala Revenidas – Festivala Lupe Blanco, Alba María, Suricar, Rebeca Santos e Aldaolado.

Agás o concerto de De Vacas, que terá un aforo de 500 persoas, a organización porá 250 localidades dispoñibles para cada unha das demais actividades. Son gratuítas e xa se pode reservar entrada na web do festival.

Ademais, estas propostas de programación paralela aos concertos de pago complementarase con outras iniciativas relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona, showcookings con produtos galegos e concertos de bandas locais, tamén de acceso gratuíto pero esta vez ata completar aforo. Entre elas están os roteiros “Redescubre Vilaxoán” -que xa se están levando a cabo nestes días- ou os concertos que acollerá o Escenario Deleite desta Praza Rafael Pazos: 

  • Nelson Quinteiro (Aúpa) o xoves 10
  • Peter Punk e a Escola de Pandeiretas Avelaíña o venres 11
  • O Mago Paco, Gramola e os Terribles de Arousa o sábado 12
  • Perseguidor o domingo 13

Este Revenidas en conserva pode levarse a cabo grazas a público, artistas e persoal traballador, pero tamén grazas ao apoio de varias institucións (Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas a través da súa marca Rías Baixas Fest, a Xunta de Galicia, Xacobeo 21 e Agadic a través da súa marca Fest Galicia,) e patrocinadores privados (Deleite, Mahou, Gadis, Martin Códax, Thunderbich, Torre de Núñez). 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X