Os espazos adquiren novos significados cando son intervidos por accións culturais innovadoras. Sinsalaudio explora novos escenarios en 2020 co festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia, do mércores 22 ao domingo 26 de xullo. Música, si, pero tamén andainas polo patrimonio industrial e natural, poesía e cinema e unha xornada dedicada á economía circular forman parte do festival. O asturiano Rodrigo Cuevas será o encargado de abrir co concerto no castelo de Soutomaior o mércores 22 de xullo. Serán cinco xornadas, cada día nun espazo diferente, coa banda sonora ao vivo de Laura LaMontagne & PicoAmperio, Los Hermanos Cubero, Modulador de Ondas e Trilitrate. O xoves 23 o festival desprázase á Illa de San Simón (Redondela) para unha xornada dirixida a profesionais co título “A senda circular”; as parroquias de Cesantes e Meirande serán os escenarios do evento o venres 24; o patrimonio industrial de Vigo e os Astilleros Cardama, o sábado 25 e o peche, no marabilloso mosteiro de Oia, no mediodía do domingo 26.
Encontros de pequeno formato ao redor da música, do patrimonio natural e industrial, coas xentes que os habitan e, en todos eles, o mar de perto. Sinsal Litoral SON Estrella Galicia quere ser un espazo de reflexión sobre os retos da cultura na Axenda 2030 e con actividades paralelas pola divulgación do noso patrimonio industrial e natural, construíndo unha programación cálida, de proximidade, proporcionando confianza, seguridade e atractivo para o público. É Sinsal Litoral un festival de pequenos foros, non só como manda o sentido común post pandemia senón como é tamén marca da casa. O concerto de maior capacidade será o que ofreza o asturiano Rodrigo Cuevas en Soutomaior o mércores 22 de xullo; un dos músicos máis requeridos neste momento que chega a Galicia coa seducción por bandeira e co seu espectáculo de axitación folclórica “Trópico de Covadonga”.
Máis música ao vivo e de proximidade no litoral co concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio o venres 24 en Meirande. A poeta e cantante e o DJ pecharán unha xornada que comezará de mañá con turismo mariñeiro da man das mariscadoras de Cesantes e que continuará na tardiña con andaina e presentación de cinema no Centro de Interpretación de Rande (Meirande) con Javier Trigales y Alfonso Zarauza. O sábado 25 o evento trasládase a Vigo cunha proposta de andaina pola cidade máis portuaria na mañá que se completa coa actuación de Modulador de Ondas; pola tardiña, con concerto de Los Hermanos Cubero, nos Astilleros Cardama, no barrio vigués de Bouzas. O domingo 26, Sinsal Litoral despedirase a mediodía co grupo vigués Trilitrate en concerto no marabilloso enclave marítimo do Mosteiro de Oia. A organización do festival abrirá a próxima semana as inscricións e venda de entradas para todas as actividades e concertos, con capacidade limitada.
A senda circular
En colaboración coa Fundación Paideia Galiza, o festival presenta a xornada “A senda circular” para o xoves 23 de xullo en San Simón durante todo o día, dirixida a público profesional. O obxectivo, reflexionar sobre a oportunidade de converter os desafíos existentes en espazos de mellora e evolución que nos permitan adaptarnos mellor aos cambios que se aveciñan, creando á súa vez unha economía eficiente e sostible no uso dos recursos, na protección da saúde das persoas, na protección do medio ambiente e do patrimonio cultural e orientada á persecución de obxectivos comúns. Un reto que abarca temas tan diversos como os relacionados con aspectos ambientais (xestión de recursos, biodiversidade, residuos, cambio climático), sociais (saúde, igualdade, cambio dos patróns de consumo, políticas) e económicos (novos modelos, investigación e transferencia tecnolóxica, igualdade de oportunidades).
Coa economía circular como eixo transversal, con maior protagonismo por mor da COVD19 na estratexia de entidades e empresas, ao longo desta xornada compartiranse recursos, proxectos, ideas e experiencias co obxectivo de aunar forzas e crear sinerxias e alianzas que nos permitan avanzar e impulsar a sustentabilidade. A economía circular como a mellor das estratexias posibles para a implicación da comunidade local nos eventos culturais. Entre outras actividades, durante a xornada Paideia expoñerá o seu proxecto Circular Labs e a editorial Catro Ventos presentará o libro “Alén do azul” de Sara Carrasco e Silvia Iglesias.
Sinsal Litoral conta coa complicidade e apoio de SON Estrella Galicia, patrocinador principal do festival. Ademais, cos patrocinadores institucionais: Xacobeo 2021, Agadic, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e Concello de Redondela. Colaboran Fundación Paideia, Gadis, Chef Maestro, Cosferla. Participan no programa Amarturmar, Vigo Pesqueiro-Fundamar, Astilleros Cardama, Mosteiro de Oia.
Proximamente entradas á venda. Todos os eventos do festival teñen capacidade limitada e están suxeitos a normas e recomendacións de seguridade sanitaria.
PROGRAMACIÓN:
Mércores 22 de xullo
Soutomaior
21:30. Rodrigo Cuevas en concerto. Castelo de Soutomaior
Xoves 23 de xullo
Illa de San Simón (Redondela)
11:00. A senda circular. Xornada ao redor da economía circular. En colaboración coa Fundación Paideia Galiza.
Venres 24 de xullo
Lonxa de Cesantes (Redondela)
11:30. Marisqueo a pé: coas mariscadoras da Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela e Amarturmar. Participación da poeta Dores Tembrás con “Cartografía de palabras desobedientes”.
Centro de Interpretación de Meirande (Redondela)
17:00. Andaina polo patrimonio histórico e industrial de Meirande. Co arqueólogo Xurxo Constela.
18: 15. A insularidade no cinema con:
Javier Trigales presenta Fotogramas Illados: breve historia da insularidade no cinema.
Alfonso Zarauza presenta Rodar nas illas: A aventura de ONS.
20:30. Laura LaMontagne & PicoAmperio en concerto.
Sábado 25 de xullo
Vigo
11:30. Andaina polo Vigo portuario en colaboración con Vigo Pesqueiro (Fundamar) e actuación de Modulador de Ondas.
21:30. Los Hermanos Cubero en concerto. Astilleros Cardama
Domingo 26 de xullo
Oia
13:00. Trilitrate en concerto. Mosteiro de Oia