Presentación do informe de Fest Galicia

FEST Galicia presentou hoxe os resultados do informe de avaliación do impacto económico e social do SonRías Baixas de Bueu, segundo o que o festival xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), impulsou este estudo no marco das accións desenvolvidas ao abeiro da marca creada este ano pola Xunta para promover Galicia como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi o encargado da recollida e tratamento dos datos, conseguidos a partir de 1.261 enquisas durante a 16ª edición do festival, celebrada entre o 2 e o 4 do pasado mes de agosto, así como das cifras manexadas pola organización. Así o explicaron na presentación pública do informe Jacobo Sutil, director da Agadic; Félix Juncal, alcalde de Bueu; Jordi Lauren, director do SonRías Baixas; e Fran Núñez, codirector do estudo.

O festival, que rexistrou unha ocupación media superior ao 85% e 21.800 visitas durante os tres días, tivo como perfil de asistente máis común o dunha muller nova, de 18 a 24 anos, galega e estudante, que acudiu ao evento en grupo e atraída prioritariamente pola súa programación musical.

Gasto medio
Tendo en conta tanto a mocidade como a situación laboral do público medio, resulta especialmente relevante a cifra de gasto por persoa e día que se aproxima aos 43 euros. Este impacto económico de 1,14 millóns de euros na comarca supón un retorno de entre 3,14 e 3,61 euros por cada euro investido polo festival. Estas cifras increméntase no caso da achega da Xunta a través das subvencións da Agadic a festivais profesionais de música, situándose entre 38,6 e 44,52 euros por cada euro dos preto de 23.500 adxudicados este ano ao SonRías Baixas, un dato que –nas palabras de Jacobo Sutil– dá conta da optimización do investimento público neste tipo de eventos.

A valoración dos asistentes, que lle conceden a esta 16ª edición unha nota de 7,8 sobre 10, é outro dos datos salientables do informe. Así, na puntuación dos servizos superan o 8 sobre 10 a localización e integración na contorna, a puntualidade dos concertos, o sistema de compra de entradas e mais o trato do persoal. Estas notas esténdese tamén aos intanxibles e ao impacto social: mellora o coñecemento da localidade (8,94) e a súa imaxe (8,06), atrae turismo (8,65) e xera impacto económico (8,94) e orgullo local (8,03).

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
X