O investigador Mat Dryhurst, o dúo de vídeo artistas Los Voluble, o galego Christian García Bello ou a dupla de activistas dixitais ¥€$Se Perse, entre os participantes do evento
A Cidade da Cultura acollerá o próximo 19 de setembro a única actividade que WOS levará a cabo este ano, que se desenvolverá en formato híbrido e retransmitirase online
WOS TALKS x FEST GALICIA: FUTURO_PRESENTE
WOS Festival, que o pasado mes de maio decidiu cancelar a súa edición debido á situación desencadeada polo coronavirus, anuncia no seu lugar WOS Talks x Fest Galicia: Futuro_Presente, un evento orientado a redefinir, reimaxinar e reinventar esta nova realidade forzosa. FUTURO_PRESENTE nace como un programa de charlas ao redor do coñecemento do futuro en tempo presente, abordando cuestións transversais que alcanzan máis aló da música ou as artes: a xestión social, a política ou a nosa implícita relación cos datos e contornas dixitais. O programa consta de tres charlas: Redefinir os nosos modelos, Redefinir as nosas comunidades e Redefinir o noso eu dixital.
MAT DRYHURST INAUGURARÁ A XORNADA, QUE TERÁ LUGAR EN FORMATO HÍBRIDO
O evento desenvolverase o próximo 19 de setembro a partir das 16 h. e terá un formato híbrido: poderá gozarse tanto presencialmente na Cidade da Cultura -cumprindo con todas as medidas de distancia social e protección- como online. Ademais, WOS Talks x Fest Galcia contará coa presenza do profesor, artista e investigador norteamericano Mat Dryhurst, que inaugurará a xornada cunha breve entrevista que servirá de introdución ás tres mesas redondas, onde un elenco de académicos, artistas, comunicadores ou creadores tratarán de redefinir os modelos, as comunidades ou o eu dixital nesta nova realidade que tanto determinou á industria cultural.
SUSO SAIZ E YUGEN KALA, FUTURO E PRESENTE DA ELECTRÓNICA DE VANGARDA
Tras o programa de charlas, a xornada tamén acollerá dúas actuacións musicais nas instalacións da Cidade da Cultura. O lendario músico e produtor Suso Saiz ocuparase de representar o presente da música electrónica de vangarda española; mentres que os novísimos galegos Yugen Kala demostrarán que o xénero goza dun futuro prometedor cun DJ Set de ambient preparado especialmente para a ocasión.
Todas as actividades serán de acceso gratuíto, respectando os protocolos de distancia social e seguridade. Aquelas persoas interesadas en asistir terán que descargarse previamente unha invitación na páxina web da Cidade da Cultura.
Con este formato híbrido e reducido, a promotora compostelá WORK ON SUNDAY non só quere parar e reflexionar sobre os vertixinosos cambios que sufriu a nosa sociedade dunha maneira transversal senón tamén adiviñar que papel xoga a cultura e os seus actores nesta nova realidade. O evento conta co apoio da Xunta a través da marca de Fest Galicia, patrocinador habitual do festival, e do Centro de Empredemento da Cidade da Cultura, colaborador habitual desta área de programación e que ademais acollerá toda a xornada nas súas instalacións, garantindo o seu desenvolvemento seguro tanto para público como para artistas, relatores e traballadores.