- O Festival volverá encher Bueu de festivaleiros e festivaleiras os días 1, 2 e 3 de agosto coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado
- Despois de esgotar en menos de 1h os primeiros 200 abonos, as entradas están á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial de 26 € máis gastos, coa acampada incluída
Bueu, 26 de decembro de 2018.- O pop-rock en euskera da mítica banda bilbaína Zea Mays, que acumula máis de 20 anos de éxitos ás súas costas, e o hip hop electrónico dos valencianos Zoo protagonizan o primeiro avance do cartel da XVII edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros e festivaleiras os días 1, 2 e 3 de agosto de 2019. Despois de esgotar en menos de 1h os primeiros 200 abonos para o festival, nunha oferta express na rede antes de anunciar as primeiras confirmacións, as entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 26 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

A banda bilbaína Zea Mays conxuga a pétrea tradición vasca coa sutileza do pop-rock contemporáneo, dando corpo a unha proposta musical única, na que finas melodías de guitarra e coidados toques de sintentizador e teclado se mesturan sobre unha potente e elegante base rítmica para arroupar a poderosa voz de Aiora Renteria. Unha front girl de armas tomar, que atrapará ao público do SonRías Baixas coa enerxía e coa sonoridade das letras en euskera.
Zea Mays fai bandeira da súa identidade cun último traballo que leva o orgullo, Harro, no nome, para non chamar a enganos. A banda vasca chama a resistir o temporal e saír a flote, a recoñecer a fortaleza que dan o amor e a amizade e a reconciliarese con esa parte da humanidade na que hai tempo que perdemos a fe. E faino con desgarradores riffs e elegantes liñas de guitarra que ceden protagonismo aos sintetizadores, con potentes bases rítmicas que animan a bailar e con melodías escuras que dan paso a cancións emocionantes e luminosas como o hit Negua joan da ta, que leva máis de 4 millóns de reproducións en Youtube.
Os valencianos Zoo celebran o seu 5º aniversario este 2019 e queren facelo gozando todos e cada un dos seus directos como se fora o último. Con ese obxectivo chegarán a Bueu o vindeiro mes de agosto, onde revolucionarán o SonRías Baixas coa súa descarga de enerxía non stop: música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos para bailar ata que o corpo aguante. Os Zoo arrasaron en 2014 con Estiu, un hit que fala das inxustizas na vida dos máis humildes, da xente de barrio, no contexto dunha historia de amor de verán. Poucas veces un grupo chama tantísimo a atención con tan só unha canción e un videoclip… e encima en valenciano!
En catro anos, os de Gandía celebraron máis de 200 concertos en máis de 7 países diferentes, publicaron 28 cancións propias, 8 escenas cotidianas e 18 videoclips orixinais. Hai uns días, lanzaron o cuarto e último tema do seu último proxecto discográfico, o 2k18, e anunciaron que sería o derradeiro. Karrer de L’Amargura (Basque Remix) é unha revisión en clave euskaldún do seu exitoso Carrer de l’amargura, man a man coas percusións e a txalaparta do colectivo de Errenteria Zo-Zongó, a trikitixa de Xabi Arakama e a interpretación libre en euskera de Fermin Muguruza.Tamén cun coidado formato audiovisual, completan 2k18 Robot, Omertà e Cançons d’Ofrena, un tema de corte jazz que conta coa participación de JazzWoman, exintegrante de Machete en Boca que acaba de debutar en solitario coa mixtape Bagheera.