O festival Revenidas que celebrará a súa 15º edición do 17 ao 19 de agosto, anuncia as tres primeiras bandas que formarán parte da súa proposta final: a mestura de electrónica, rap, metais e toques mediterráneos de Zoo; as personalísimas versións de música metal dos finlandeses Steve ‘n’ Seagulls; e unha formación que agrupa a varios dos nomes máis importantes da música galega: a Banda Xangai.

Zoo é unha banda de Gandía que ten no seu directo o seu punto forte, ofrecéndolle sempre ao público unha descarga de enerxía non-stop. Música electrónica que mestura rap con sons de trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos. Todo acompañado dunhas letras reivindicativas que seguen rompendo barreiras lingüísticas ao ter éxito en calquera recuncho do estado español cantando en valencià, e das líricas e a voz persoal de Panxo, o seu cantante.

Steve ‘n’ Seagulls son unha banda finlandesa á que lle gusta facer versións en bluegrass de bandas de metal e hard rock de ampla traxectoria, pero disfrazados de granxeiros. O grupo deuse a coñecer no verán de 2014 coa publicación dos seus vídeos en Youtube, sendo especialmente popular a versión da banda de “Thunderstruck” por AC/DC que recibiu máis de 44 millóns de reproducións en Youtube. Dende entón, xa levan dous discos ás súas costas, centos de concertos por Europa e unhas peculiares e potentísimas versións de cancións Metallica, Nightwish o Megadeth.

A banda Xangai é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é o fío condutor dunha iniciativa única da que xa agromaron festivais poéticos ou formacións musicais e que viviu un dos seus puntos culminantes na celebración do 40º aniversario do Ateneu Nou Barris de Barcelona, o centro social máis antigo do Estado e que sempre contou cunha forte presenza da emigración galega. Xúntanse nomes importantes da música galega, de bandas xermolo do movemento Bravú e posteriores como Os Diplomáticos de Montealto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), Gharbanzo Neghro (Nacho), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano), etc.

Entradas e actividades

A organización do festival está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas, e sempre vencellado ás tradicións. Ademais, o “Festival das Linguas” aposta por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que incluirá máis importantes bandas internacionais, estatais e galegas, e que se desvelará durante os próximos meses.

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2018 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 26 € a través da páxina web www.revenidas.com ou en calquera oficina de Correos de España.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies

Pin It on Pinterest

Share This